Republicado de: http://www.culturagalega.org
Chega o día de Defuntos. En todas as partes comezamos a ver
cabazas que representan caras aterradoras que nos invitan a celebrar o
Halloween. Pero, ¡atención!, non é americano todo o que o parece. Ata hai
trinta anos por moitas aldeas de Galicia tallábanse cabazas por estas datas, e
a día de hoxe cada vez hai mais lugares nos que se está a recuperar esta
tradición na forma da festa do Samaín.
Se se busca en libros de etnoloxía polas celebracións que se
fan no noso país con ocasión do día de Defuntos, atoparemos unha serie de
costumes ancestrais propias do país. Desde o deixar un oco na mesa ou racións
de comida para os defuntos ata facer colares coas castañas novas. A pouco que
se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía
(Noia, Catoira, Cedeira, Muxía,Sanxenxo, Quiroga...) lembran que tamén era
habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces, poñerlles
un pauciños coma dentes e deixalas nos camiños para asustar ós viandantes. Todo
isto con ocasión da festividade dos Defuntos, o dous de novembro. Este costume
coincide co americano de Halloween e aínda co máis antigo celta do Samaín, no
que eran os cranios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no
seu interior.
A conexión celta
Rafael López Loureiro, mestre de escola de Cedeira foi o
responsable de redescubrir esta tradición e comprobar que existía por todo o
país ata hai menos de trinta anos. Por se fose pouco tamén comprobou a súa
pervivencia no norte de Cáceres, arredor da zona na que están situadas as
aldeas de fala galega, e aínda en zonas de Zamora e mesmo en Madrid. Ademais,
este estudioso analizou a relación do costume das cabazas co culto á morte e a
semellanza coas tradicións irmás das illas británicas. E mesmo chegou a
detectar peculiaridades como a de Quiroga, onde a cabaza tallada sécase e
consérvase para empregala como máscara no Entroido. O seu traballo sobre esta
tradición, recollido no libro Caliveras de
melón e noutra obra de vindeira aparición, comezou aínda agora a chamar
a atención dos antropólogos do país. Ademais dos estudiosos, López Loureiro
tamén divulgou a tradición das cabazas e os seus vencellos co Samaín por
colexios e asociacións de todo tipo, o que está a provocar que cada vez haxa
máis lugares nos que se celebra esta festa sen pasar pola peneira de Estados
Unidos.
Cedeira
Tamén foi Rafael López Loureiro o promotor, hai trece anos,
do Samaín que aínda hoxe se celebra en Cedeira. Primeiro desde a asociación
Chirlateira e agora desde Amigos do Samaín organizan cada ano unha exposición e
un premio á cabaza mellor esculpida. Ademais celébrase unha procesión de ánimas, na que os rapaces da vila desfilan polas rúas
disfrazados e portando luces coma se fosen a Santa Compaña, hai unha merenda e
actúan grupos de animación para os pequenos. Desde hai tres anos
concédense os premios anuais do Samaín ás personalidades que máis fixeron pola
vertebración cultural da nación galega. Logo de outorgarllo a Isaac Díaz Pardo
e a Xaquín Marín, este ano será o grupo Milladoiro o homenaxeado. O acto de
entrega celébrase nunha caldeirada cultural, e a festa péchase co De aquí nun ano, un orixinal pregón que se le ó final do evento. Un
destes pregóns, un conto de Miguel Cortizas sobre o Samaín foi publicado polos
organizadores e distribuído entre os participantes da seguinte edición
do evento.
As cabaças de Artábria
Herdeira directa da festa de Cedeira é o Samaím ou Festa das
Cabaças que desde hai cinco anos vén celebrando a agrupación A Revolta,
actualmente integrada na Fundaçom Artábria de Ferrol. Logo dun ano de
participación no Samaín do norte, introduciron no casco urbano de Ferrol o
tallado de cabazas. Ademais do obradoiro e da posterior exposición (que se
traslada á rúa na noite previa a defuntos), en Artábria estase a celebrar o
evento con outras actividades de carácter terrorífico, coma a Casa do Medo que
montaron hai dous anos ou o Festimedo que se celebra nesta edición, un evento
no que se atoparán contos, poesías, representacións teatrais e música co tema
común do terror. Desde Artábria recoñecen que a tradición do tallado non se
conservaba na cidade, pero si que había aínda lembranzas dela en todas as
aldeas de arredor, especialmente cara á zona Norte. Desde a Fundaçom teñen
previsto editar proximamente unha publicación na que se explican os fundamentos
desta tradición.
A multiplicación dun fenómeno
En Narón está desde hai xa ben de tempo a festa organizada
pola Asociación de Veciños de San Mateo. En Ferrolterra a Festa das Caveiras de
Narahío. En Palmeira o colexio público leva varios anos de Samaín. Ata tal
punto comeza a ser popular a celebración que pola zona de Ferrol xa se comeza a
dicir facer un samaín á hora de falar de preparar
unha celebración polo tempo de Defuntos. Un conto de Celia de Sáa, do programa
Plis Plas da Radio Galega, recolle tamén esta tradición, e a revista que
publica o programa leva xa varios anos dedicándolle artigos. Un texto
teatral, Indo para o Samaín, de Carlos y Sabela Labraña,
tamén amosa ós máis pequenos esta tradición galega. Hai só oito días o
semanario A Nosa Terra recollía nas súas páxinas esta tradición, e
segundo se vai achegando o Día de Defuntos son cada vez máis as páxinas de
xornal que recollen a existencia do costume. Pouco a pouco o tallado de
cabazas, o Samaín ou como se lle queira chamar está a ocupar o lugar que se
merece dentro das tradicións do país para estes días do ano.






